Estes días a empresa GL Ecological Solutions radicada en Cambre cumpre un ano de vida, ao longo do cal comercializou os seus produtos a toda Galicia, Asturias, País Vasco, Castela e León, Estremadura e Canarias, pero tamén a México e Portugal.
Segundo o seu cofundador, Óscar Rodríguez, queda un longo camiño para que as empresas fagan seu o compromiso da sostibilidade real, comezando desde os cimentos e os procesos da operativa diaria, e entendan que só así poderán ser competitivos, hoxe e mañá.
– GL Ecological Solutions centra a súa actividade na comercialización de produtos e equipos biodegradables e ecolóxicos destinados a diferentes sectores, optimizando os seus procesos, o mantemento e a limpeza, e reducindo a pegada de CO2. Que lles moveu a incorporarse a Viratec?
O firme convencemento de que todos debemos de achegar o noso gran de area, non xa a un futuro máis ou menos afastado, se non a un presente no que urxen as respostas concretas ao reto da sostibilidade, cada un desde o seu ámbito de coñecemento, sabendo que as pequenas achegas de moitos xeran a forza necesaria para o cambio. Entidades como Viratec son imprescindibles para xerar sinerxías e proxectos ambiciosos que só cabe levar a cabo mediante alianzas de colaboración público-privada.
– De que modo contribúen as solucións da súa empresa á sostibilidade e á economía circular da industria?
A nosa gama vai dirixida á sostibilidade real nos procesos diarios de calquera empresa, ofrecendo alternativas aos produtos convencionais que son máis contaminantes, corrosivos e de menor rendemento. Hoxe en día os eliminadores de corrosión e pasivantes ecolóxicos, os deterxentes, os disolventes, as sustancias para retirar a graxa e os lubricantes biodegradables superan o rendemento deses produtos convencionais. Ademais, reducen a xeración de residuos, moitos deles considerados perigosos, e por tanto contribúen á economía circular, ao tempo que axudan a mellorar a conta de resultados.
Os produtos que ofrecemos posúen as certificacións que acreditan a súa inocuidade ambiental e a súa rápida biodegradabilidade, carecendo un gran número deles de pictogramas de perigo ou ben sendo de moi baixo risco na súa manipulación. Deste xeito poñemos o foco tamén na sostibilidade laboral, protexendo especialmente aos traballadores ademais do medio ambiente, os equipos e as instalacións.
– En que sectores é máis forte a presenza de GL Ecological Solutions?
A verdade é que pola natureza dos produtos e equipos que ofrecemos estamos presentes nunha ampla variedade de sectores. Quizais por destacar aqueles nos que levamos máis tempo traballando debemos mencionar o náutico e o naval, o sector do ciclo integral da auga e a acs (auga quente sanitaria), así como a limpeza e o mantemento tanto do sector público como industrial, entre outros.
-Como socio de Viratec cre que o tecido industrial galego ten o suficiente coñecemento sobre as fórmulas que lle ofrece o mercado para reducir a pegada de carbono e ser máis competitivo a través da sostibilidade?
En absoluto, no noso día a día vemos as reaccións de sorpresa nas empresas que visitamos cando descobren as características dos nosos produtos. Hai procesos moi arraigados e moita xente á que lle custa pensar que hai outra forma de facer as cousas, aínda sendo máis seguras e máis rendibles. Por desgraza, de momento a inmensa maioría achéganse á sostibilidade ‘ben polo pau ou ben pola cenoria’, é dicir, para evitar ser sancionados ou ben motivados por algún tipo de subvención.
Queda moito camiño por percorrer e precisamente ese é o propósito de GL Ecological Solutions, axudar ás empresas para ser máis eficientes e competitivas, á vez que melloran o seu impacto ambiental, así como a seguridade dos seus empregados e da cidadanía, que doutro xeito pode estar exposta a substancias nocivas tanto en espazos públicos e industriais como nos seus propios fogares, debido a que tamén atendemos o sector doméstico.
-Que papel pode levar a cabo unha empresa como GL Ecological Solutions no desenvolvemento de proxectos de innovación impulsados desde Viratec?
Estou convencido de que podemos ser o socio ideal de calquera empresa que queira avanzar cara a proxectos sostibles axudando nos procesos de base, nese día a día que frecuentemente é o gran esquecido mentres as miradas céntranse en obxectivos maiores de gran investimento, pero que finalmente quedarán incompletos se non se optimizan de menos a máis.
Non ten moito sentido, por exemplo, desenvolver proxectos de enerxía renovable tanto en terra como no mar e seguir utilizando lubricantes convencionais non biodegradables nos equipos ou nas instalacións, co perigo ambiental que entrañan unha fuga ou unha vertedura. Ou ben, por sinalar outro escenario, avanzar cara á dixitalización do ciclo da auga para mellorar a sostibilidade e con todo seguir realizando os mantementos nas plantas cos produtos ‘de toda a vida’, cos riscos que supón para equipos, persoas e medio ambiente. E a todo isto hai que engadir o aumento de rendemento dun lubricante biodegradable, así como o aforro que achega con respecto á pegada de CO2.
É o momento de que os proxectos de I+D+i contemplen todas as patas do banco e incorporen as melloras sostibles que xa hai no mercado. Se queremos unha ecuación sostible hai que incorporar todas as variables.