“Apostamos pola responsabilidade empresarial en toda a cadea de valor”

Entrevistamos a Luz Pardo, conselleira delegada do Grupo Gestán, que responde ao complexo escenario postpandemia con indicadores positivos nas súas diversas liñas de negocio, centradas na xestión integral de residuos, o tratamento de augas residuais, e a produción e subministración de biocombustibles, entre outras.

Fundado en 2002, o Grupo Gestán deu un paso importante en 2016, cando se instalou nunha nave industrial do polígono coruñés de Arteixo sobre unha parcela de 3.700 metros cadrados. A esta superficie engadíronse posteriormente outros 10.000 metros cadrados para aloxar un centro loxístico de contedores.

As cinco divisións que conforman o grupo son: Gestán servizos ambientais, a matriz, á que se suman Acttia Ambiental, centrada nos residuos industriais, a división de contenerización e transporte (Gestán Conteco), o tratamento de augas residuais (TTA) e, finalmente, a produción e subministración de biocombustibles (Biomasa Forestal), xunto coa comercialización en liña e offline de biocombustibles e produtos a partir de materiais reciclados a través de Ecomind.

A súa conselleira delegada, Luz Pardo, explica nesta entrevista as áreas nas que están a traballar especialmente a innovación, así como os proxectos de ampliación tanto na capacidade de valorización como de xestión de novas tipoloxías de residuos, todo iso unido á aposta pola responsabilidade empresarial, comezando polo coidado das persoas que traballan nas empresas do grupo. 

– Segundo a súa memoria anual, en 2022 aumentaron a súa facturación un 25%, ata acadar os 34,4 millóns de euros. Cales foron as claves deste crecemento e en que liñas de negocio notouse especialmente?

A pesar da complexidade e incerteza que segue marcando a postpandemia, en 2022 obtivemos uns bos resultados, derivados especialmente do comportamento de tres das nosas divisións: Acttia Ambiental, Gestán Conteco e Biomasa Forestal. De feito, esta última volveu a cifras en positivo tras dous exercicios moi complexos. Incrementamos nun 16,66% as toneladas vendidas e batemos o récord de vendas de produto ensacado (19.000 Tn). A isto súmase a mellora nos datos de valorización nas nosas plantas de tratamento de residuos.

En definitiva, a volta á normalidade e as melloras incorporadas nos distintos procesos, que nos permitiron optimizar tempos e recursos, explican parte deste crecemento.

– Aseguran apostar pola innovación como vía para avanzar na eficiencia interna e na economía circular. Que proxectos de I+D en marcha destacaría?

Unha das liñas importantes céntrase nos procesos para o tratamento das augas residuais ata conseguir a súa valorización. Nun contexto no que a auga é un ben cada vez máis escaso, debemos avanzar no seu aproveitamento ao máximo.

Estamos centrados tamén no desenvolvemento dun programa para a extracción de materias primas críticas dos lixiviados derivados dos residuos que chegan ás plantas. Facémolo a través do programa Valorix, en fase de probas piloto. Outra das iniciativas, Biocharm, aborda a procura de redución da carga contaminante dos gases emitidos nos vertedoiros.

– Están a participar nos talleres 4.0 que organiza Viratec co apoio do IGAPE. Que lles están achegando para seguir impulsando os seus procesos de dixitalización?

Nestas sesións intercambiamos inquietudes comúns con outros xestores, ademais de analizar solucións dixitais moi interesantes para o sector. Delas extraemos novas ideas que nos permitirán implantar melloras nos nosos procesos internos.

– Aseguran querer consolidarse como operador finalista de xestión de residuos e valorización para os grandes complexos industriais e sanitarios de Galicia, e de querer crecer en sectores como o agroalimentario, o de automoción ou o téxtil. Que oportunidades perciben respecto diso?

Os grandes complexos industriais e sanitarios buscan partners que poidan dar resposta á xestión integral dos seus residuos, que incrementen os índices de valorización, minimicen a fracción que vai ao vertedoiro e reduzan a pegada de carbono asociada a esa xestión. Nese sentido, no Grupo Gestán dispoñemos de centros de transferencia e medios loxísticos suficientes para dar resposta e facelo a través de distintas solucións. Ademais, os novos proxectos que temos a medio prazo van dirixidos a ampliar a capacidade de valorización, incorporar máis tipoloxías de residuos e facelo nun radio máis amplo, todo iso minimizando a pegada de carbono asociada.

– Como socios de Viratec, que evolución prevén no sector dos residuos en Galicia tendo en conta a súa situación actual e a necesidade de transitar cara unha produción e consumo máis sostible? que papel debe xogar o clúster nesta evolución?   

Entendemos que Viratec debe ser un punto de encontro entre a empresa e os distintos actores deste sector. Debe xogar un papel de interlocutor coas distintas administracións para visibilizar as necesidades e demandas. Temos por diante moitos retos, coa economía circular como eixo de futuros proxectos e o clúster deberá xogar un papel dinamizador para lograr afianzar as distintas iniciativas que se desenvolvan na nosa comunidade.

– A publicación Economía Dixital distinguiu ao grupo pola súa política de persoas. Que prácticas fixéronlles merecedores deste recoñecemento? 

Si, acadamos a máxima puntuación no apartado de persoas, para o que, entre outros factores esta publicación tivo en conta as medidas implementadas en favor da igualdade e a conciliación na empresa. Desde Gestán fixemos un importante esforzo para implementar medidas dirixidas á corresponsabilidade, á inclusión e á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. En paralelo, avanzamos tamén na incorporación de medidas para o benestar e coidado de todo o equipo.

Este recoñecemento e a acollida das medidas entre o persoal anímannos a seguir traballando nesa liña.

– Teñen en marcha o seu segundo Plan de Responsabilidade Empresarial, que require un esforzo pola sustentabilidade en toda a cadea de valor. Como están a responder as empresas provedoras ao reto?

Desde o noso grupo de empresas apostamos pola responsabilidade empresarial en todos os axentes implicados no negocio, pero o certo é que aínda atopamos reticencias a realizar o esforzo engadido que ás veces requirimos aos nosos provedores para dar cumprimento ao noso Plan de Responsabilidade. Aínda que os clientes van reclamando e valorando cada vez máis este compromiso, ás veces cústanos transmitilo aos nosos provedores. Pero, sen dúbida leste é o camiño para seguir e é cuestión de seguir traballando neses valores corporativos.

COMPARTIR