Aberto prazo de inscrición para participar na I edición da Business Factory ClimaTech

A BF ClimaTech é o primeiro programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos do sector ambiental de Galicia.

A Business Factory (BF) ClimaTech é o primeiro programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos do sector ambiental de Galicia, así como de sectores conexos. O seu propósito é dar lugar a solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e o medioambiente mediante o apoio a proxectos de emprendemento innovador e a súa transformación en empresas de valor que sexan transformadoras, viables e escalables.

A BF ClimaTech está promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), e conta coa participación de empresas do sector, así como de centros de coñecemento e entidades de investimento.

Para garantir que o programa responde ás necesidades do mercado do sector ambiental e que, así, os proxectos atopan demanda para os seus produtos e servizos, BF ClimaTech reuniu a entidades do sector para definir sete retos cos que dirixir a primeira convocatoria: sector primario, industria, auga, téxtil, construción, cidades e comunidades, e dixitalización.

Proxectos de emprendemento innovador nacionais e internacionais que estean a desenvolver solucións relacionadas con eses retos e necesiten acelerar o seu desenvolvemento e aumentar as súas probabilidades de éxito son benvidos a presentarse á primeira edición do programa.

O prazo para inscribirse na primeira edición abre hoxe, 1 de agosto, e pechará o próximo 30 de setembro de 2024. Na páxina web www.bfclimatech.gal están publicadas as bases e as indicacións para a presentación de candidaturas.

Poderán postularse a participar nesta primeira edición calquera equipo emprendedor cun proxecto innovador en liña cos retos e comprometido con Galicia. Os proxectos finalmente seleccionados optarán a realizar algún dos tres itinerarios de apoio contemplados: incubación, para os proxectos máis incipientes; aceleración, para aqueles que xa teñen unha solución viable; e consolidación, para os que se atopan en situación de ampliar negocio e mercado.

A BF ClimaTech achega aos proxectos participantes plans adaptados ás súas necesidades específicas, recursos económicos e técnicos, mentorización por parte de empresas de referencia no sector ambiental e sectores produtivos relacionados, distintas actividades formativas e de incorporación de novas competencias, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e feiras sectoriais, entre outros.

Máis sobre BF ClimaTech

Ademais das entidades promotoras xa citadas, participan en BF ClimaTech sinalados axentes do sector ambiental galego, como é o caso de Aqualia, Valtalia, Agroamb, Coregal, Vertex, Viaqua, Teimas, a Universidade de Santiago de Compostela ou o centro de investigación CRETUS. As autoridades do programa atópanse na actualidade en conversacións con distintas empresas e entidades de Galicia, España e Europa, polo que se prevé que, ao peche da convocatoria, apoie a iniciativa unha representación nutrida e diversa do sector ambiental.

BF ClimaTech ten planificadas, ademais desta primeira, outras dúas edicións máis e aspira a converterse nun instrumento mediante o que, por unha banda, ofrecer ao mercado as innovacións que necesita para afrontar os desafíos da sustentabilidade ambiental e, polo outro, proporcionar unha plataforma de referencia para axudar aos equipos emprendedores a minimizar os tempos de desenvolvemento e a ter máximas probabilidades de éxito no mercado.

COMPARTIR