A Xunta convoca unha nova liña de axudas no marco das Misións RIS3

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), publicou unha liña de axudas destinadas a apoiar as misións de especialización intelixente de Galicia, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 2021-2027.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), publicou unha liña de axudas destinadas a apoiar as misións de especialización intelixente de Galicia, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 2021-2027. A convocatoria, dotada con 15 millóns de euros, ten por obxecto financiar proxectos transformadores e de impacto nas cadeas de valor estratéxicas a través da colaboración entre os diferentes axentes do ecosistema galego de I+D+i.

Os proxectos subvencionables deben ser en cooperación a través de consorcios formados por un mínimo de 3 empresas (1 tractora e 2 pemes) e calquera outro tipo de beneficiarios, como poden ser centros tecnolóxicos e de apoio á innovación, universidades, organismos e centros públicos de investigación, institucións sanitarias que desenvolvan actividades de I+D+i, entidades sen ánimo de lucro relacionadas coa I+D+i e agrupacións ou asociacións empresariais que realicen actuacións de I+D+i, como Viratec, que está en disposición para propiciar consorcios de asociados, con liñas de traballo que encaixen nas prioridades das misións.

En canto ao orzamento, serán apoiados os proxectos de entre 600.000 euros e 5 millóns de euros, cunha intensidade da axuda que pode acadar o 60 % en función do tamaño da empresa e do tipo de actividades a desenvolver, por unha duración de mínimo 2 anos e máximo 3 anos e 6 meses.

Retos da RIS3

A RIS3 de Galicia 2021-2027 aborda a través da I+D+i tres grandes retos para a economía e a sociedade galega:

  • O reto 1 está enfocado na xestión innovadora dos recursos naturais e culturais. O seu obxectivo é modernizar os sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovación que incidan na mellora da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, agrarias, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.
  • O reto 2 pretende aumentar a competitividade e o coñecemento do modelo industrial galego, incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia mediante tecnoloxías esenciais facilitadoras e a evolución das cadeas de valor.
  • O reto 3 céntrase na promoción dun estilo de vida saudable e o envellecemento activo da poboación, posicionando a Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun estilo de vida saudable e un modelo de envellecemento activo.

Misións identificadas

As tres misións identificadas, ás que deben responder estes proxectos, son:

  • Contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario en Galicia a partir da redución da súa pegada nun 10 % en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas.
  • Contribuír á redución do 57 % das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto a 1990 para 2030 incrementando a reutilización das materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo.
  • Contribuír a incrementar os anos de vida saudable de 84 a 88 para 2030 mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisibles e a mellora da calidade de vida.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 15 de abril.

O Clúster Viratec está en disposición para propiciar consorcios de asociados, con liñas de traballo que encaixen nas prioridades das misións.

Máis información

COMPARTIR