Convencido de que “son moitas as vantaxes que pode achegar o establecer estratexias de economía circular ou sustentabilidade” no tecido empresarial, o director comercial do Grupo AMSlab, Marcos Engroba, asegura que o modo de establecer “un cambio”, coa vista posta na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas, reside na xeración de alianzas (ODS 17) e en ser proactivos, “por responsabilidade individual e respecto á contorna e á sociedade”.
O Grupo AMSlab proporciona solucións a problemas relacionados co medio ambiente, a seguridade alimentaria e a sanidade e produce estándares e kits en distintas áreas. Que impulsou a Xenotechs -unha das sociedades do Grupo- para integrarse no Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular?
Serían numerosos os motivos, partindo do impulso e a clara aposta que tanto Viratec como os seus socios están a realizar a nivel ambiental e de economía circular en Galicia. Historicamente xa traballamos con algúns membros do Clúster e consideramos que os valores que se comparten, así como os obxectivos, son comúns ao noso grupo e temos a necesidade de contribuír a todos os niveis para impulsar aínda máis o seu desenvolvemento.
Aproveitar neste sentido tamén para felicitarvos pola actividade e iniciativa que o Clúster demostrou desde o seu nacemento, así como para agradecer a oportunidade de presentarnos e entrar a formar parte da excelente rede de empresas socias.
Grazas a vós. Innovación, especialización, trazabilidade… AMSlab pode presumir de estar entre os líderes do mercado no sector de control de calidade. Que peso ten a economía circular na súa estratexia?
A experiencia que adquirimos nos nosos case 15 anos de vida en numerosos sectores, así como a relación diaria con clientes en todo o mundo, permitiunos confirmar que a economía circular é unha necesidade e unha realidade para numerosas empresas. Neste sentido, debemos ter presente que son moitas as vantaxes que pode achegar o establecer estratexias de economía circular ou sostibilidade e no noso caso entendémolo, dentro do noso plan estratéxico, como parte fundamental.
Así, por exemplo, dentro de nosa I+D, como motor de desenvolvemento do Grupo, hoxe implantamos solucións orientadas non só ao control de produto en base a regulatoria, senón cada vez máis cara a solucións en economía circular, trazabilidade, revalorización de subprodutos… O peso que no noso traballo diario ten o axudar ás empresas para coñecer o seu produto e como pode resultar máis sostible -control de substancias restrinxidas, prohibidas, eficiencia de cambios nos seus produtos…- ou como pode revalorizarse é parte fundamental.
No marco de Viratec, que proxecto destacaría dos que teñen en pleno desenvolvemento?
A innovación forma parte do ADN do noso Grupo. Por este motivo, desde o inicio da nosa actividade participamos en diversos proxectos de investigación e desenvolvemento, propios ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, sempre encamiñados a poder ofrecer novas solucións que resolvan as necesidades do mercado.
O certo é que resulta complicado elixir só un… pero, centrándonos na parte ambiental e da economía circular, quedamos con “BIOENTONOMY: Novas estratexias de bioeconomía a través da biotecnoloxía de insectos”.
Trátase dun proxecto en colaboración de investigación agroindustrial e de desenvolvemento experimental baseado na obtención de novas solucións para o sector agrícola a través da valorización de insectos utilizados para o aproveitamento de residuos da industria agroalimentaria. O obxectivo xeral céntrase no aproveitamento de residuos da industria hortofroitícola a través de estratexias de biotecnoloxía de insectos para a obtención de novos produtos con potencial para o seu uso como insumos agrícolas. Neste sentido, preténdese romper co modelo convencional de produción e avanzar cara a unha agricultura máis sostible minimizando o seu impacto ambiental e maximizando a utilización dos recursos.
O consorcio que dá vida a este proxecto abarcará actividades de deseño, análise, purificación, formulación e validación, co fin de obter produtos de residuo cero e aptos para agricultura ecolóxica a partir dun proceso aliñado coa estratexia española de economía circular.
O ODS 17 fala da importancia da xeración de alianzas para a sustentabilidade. AMSlab é tamén socio do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, Bioga, e integra diferentes sociedades en función do seu ámbito de actividade. Parece que a estratexia do Grupo está perfectamente aliñada con este obxectivo de Nacións Unidas…
Si; non entendemos a nosa maneira de traballar doutra forma e esta debe ser unha máxima en cada área e/ou división do noso Grupo. Debemos ter presente que a maneira de establecer un cambio é sendo proactivos, por responsabilidade individual e respecto á contorna e á sociedade.
Neste sentido, por exemplo, cumprimos importantes fitos nos ODS 8, 9,12… e no ODS 17 especialmente, dado que somos un grupo aberto a poder escoitar necesidades e achegar solucións personalizadas, moitas veces mediante a firma de alianzas con outros actores rexionais, nacionais ou internacionais.
O programa de voluntariado corporativo do Grupo inclúe accións de colaboración con entidades como o banco de alimentos, a protectora de animais, Cruz Vermella ou Cogami. Sen dúbida pechan o círculo non só a nivel ambiental…
Grazas, iso procuramos. Os nosos equipos de Responsabilidade Social Corporativa e de Recursos Humanos traballan moi duro para que a nosa actividade deixe unha pegada positiva na sociedade, con especial fincapé no apoio ao emprego local -seguimos tendo as nosas oficinas e laboratorios centrais en Galicia-, mocidade -polas nosas instalacións pasaron máis de 50 profesionais en prácticas e temos un gran programa de visitas de centros educativos de toda a comunidade galega- e igualdade -actualmente máis do 70% do noso persoal son mulleres-.