A economía circular como garantía para o futuro de Galicia

O director do Igape e a vicepresidenta de Viratec inauguran unha nova xornada no marco do programa Capacita Directivos.

A economía circular como garantía dun modelo económico que facilite novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente. Baixo o título A economía do futuro é circular, a xornada organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia e APD, coa colaboración da Xunta de Galicia, foi inaugurada polo director do Igape, Fernando Guldrís, e a vicepresidenta do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Josefa de León, no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Durante a súa intervención, Guldrís subliñou a importancia de “avanzar cara a unha economía circular” como “o camiño a seguir para reducir a presión sobre a contorna, mellorar a seguridade e subministración de materias primas, aumentar a competitividade e a innovación das nosas empresas e apostar polo crecemento dun emprego cada vez máis verde”.

Nesta mesma liña, a vicepresidenta de Viratec incidiu sobre “a necesidade de pechar o círculo para avanzar cara a un desenvolvemento sostible”, algo no que, subliñou, “traballamos de forma transversal desde Viratec, un Clúster que conta con máis de 70 entidades socias, tanto do tecido empresarial como asociativo e mesmo do mundo académico, que innovan coa vista posta en solucións ambientais que impulsen a economía circular”.

Alianzas estratéxicas para o desenvolvemento sostible

O encontro, celebrado no marco do programa Capacita Directivos para promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administración, agrupacións industriais e centros de coñecemento, serviu de escenario para lembrar o compromiso da Xunta co futuro a través dos fondos Next Generation. Neste sentido, o director do Igape avogou por “aproveitar as oportunidades que ofrece o Perte de Economía Circular, no que destaca a natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”.

De León, pola súa banda, apuntou ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 17 para facer referencia ás “alianzas estratéxicas que contribúen ao desenvolvemento sostible”. “A administración pública sábeo, mostra diso é a propia Xunta de Galicia e, máis concretamente, o propio Igape, que desde a fundación de Viratec apoiaron sempre os pasos que damos en prol do liderado ambiental de Galicia”, concluíu.

 

COMPARTIR