A aceleradora ambiental de Galicia selecciona aos seis proxectos que participarán na súa I edición

A Business Factory (BF) ClimaTech é a aceleradora do sector ambiental e sectores conexos, impulsada pola Xunta de Galicia e Viratec, Agrupación industrial Galego de Solucións Ambientais e a Economía Circular. Conta coa participación de empresas do sector, así como de centros de coñecemento e entidades de investimento.

O seu propósito é dar lugar a solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no medio ambiente mediante o apoio a proxectos de emprendemento innovador, e a súa transformación en empresas de valor.

A primeira edición da BF ClimaTech recibiu máis de trinta propostas aliñadas coa resolución dos sete retos expostos, das cales, seis foron seleccionadas hoxe, en Santiago de Compostela. A gran maioría delas proceden de startups galegas, pero tamén se atopan iniciativas de Madrid, Valencia, Asturias, Soria, Barcelona e Róterdan (Países Baixos).

O programa consta de tres itinerarios de apoio aos proxectos en función do seu grao de desenvolvemento: incubación, para os proxectos máis incipientes; aceleración, para aqueles que xa teñen unha solución viable; e consolidación, para os que se atopan en situación de ampliar negocio e mercado.

Durante os próximos nove meses, BF ClimaTech achegará aos proxectos plans adaptados ás súas necesidades; recursos técnicos e económicos; formación; e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e outros axentes do ecosistema.

Sogama, Vertex Bioenergy, Gestan Conteco, Viaqua e Agroamb uníronse a esta iniciativa como empresas tractoras. Achegarán coñecemento, dedicación e recursos, tanto á dinamización da aceleradora como á mentorización dos proxectos.

O proceso de selección consistiu en dúas fases eliminatorias: A primeira, unha entrevista a todas as candidaturas, das cales doce foron as finalistas. Na segunda fase presentáronse eses doce proxectos, e o Consello Executivo, formado por representantes de GAIN, de Igape e de Viratec, seleccionou os seis que participarán nesta primeira edición da Business Factory ClimaTech.

Proxecto seleccionado en incubación

BioAqua. Este proxecto céntrase nun aditivo biolóxico deseñado para reducir contaminantes na auga, como unha solución innovadora ante a crecente contaminación e a necesidade de reutilizar recursos hídricos. Este aditivo prodúcese mediante métodos sostibles que minimizan o seu impacto ambiental.

Proxectos seleccionados en aceleración

Agrolinera. Este proxecto asturiano rediseña o proceso de recollida de residuos gandeiros introducindo un novo elo na cadea de valor entre o gandeiro e a planta de valorización. Ao dixitalizar a recollida conséguese implantar rastrexabilidade na xestión de residuos, controlar as súas características desde a orixe, mantendo o seu potencial e coordinar a súa loxística para facela eficiente e reducir o seu custo. O sistema consiste nunha rede de equipos de recollida contenerizados, automatizados, sensorizados e conectados a unha plataforma na nube que os monitoriza e coordina a súa recollida. Isto permite ás ganderías tradicionais crecer sen afectar o medio ambiente, xa que poden enviar a unha planta de valorización o exceso de residuo.

Carbon Manager. A startup galega airCO2 presenta unha ferramenta avanzada para medir, xestionar e reducir a pegada de carbono empresarial. Certificada baixo normas como ISO 14064 e GHG Protocol, permite ás empresas cumprir con normativas ambientais e mellorar a súa sustentabilidade. O seu grao de innovación radica na automatización de cálculos, xeración de informes auditables e personalización de estratexias de redución de emisións, integrando datos desde ERPs facilitando a colaboración de toda a cadea de valor.

Proxectos seleccionados en consolidación

Wastex. A startup de Barcelona, Wastex Technologies, ofrece a implementación dun modelo de intelixencia artificial que permita a categorización automatizada e obxectiva de residuos téxtiles demandados para a súa valorización. O proceso permite identificar o mellor punto de extracción do residuo téxtil, analizar os restos e definir as condicións óptimas que debe ter para a súa reúso e/reciclaxe.

Impact Upcycled Food. Startup galega enfocada na revalorización de subproductos da industria alimentaria para crear ingredientes con alto valor engadido. O seu obxectivo é axudar a empresas alimentarias a maximizar a rendibilidade das súas subproductos mediante ecodiseño. Actualmente traballan co sector cervexeiro e de bebidas vexetais, obtendo ingredientes en po ricos en fibra e proteína. Lanzaron ao mercado unha proteína de avea cun 40% de proteína e un 24% de fibra, e están a desenvolver unha fariña de bagazo. Ademais, ofrecen apoio a empresas para revalorizar as súas subproductos e crear novos produtos.

Therminer. A startup madrileña Boscalia Technolgies desarrolla solucións técnicas para a refrixeración de centros de datos e equipos computacionais, aproveitando a calor residual para reducir tanto os custos de refrixeración como as subministracións enerxéticas. A súa solución, POD-TM, combina tecnoloxías de refrixeración líquida e reutilización de calor, xerando temperaturas que permiten o seu aproveitamento en redes de calor distrital ou en instalacións residenciais e industriais, o que contribúe a reducir a pegada de carbono dos centros de datos e do sector da climatización.

Financiación

Todos os proxectos participantes poderán obter financiamento proporcionado pola Xunta de Galicia da seguinte maneira: 25.000 € a fondo perdido, en incubación, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); mentres que en aceleración, poderán acceder a 25.000 € a fondo perdido, a través de GAIN, e/o ata 50.000 € en capital ou préstamo participativo mediante XesGalicia. Finalmente, en consolidación, obterán un máximo de 250.000 € en capital ou préstamo participativo a través de XesGalicia.

Ademais, tamén terán a oportunidade de acceder a financiamento externo coas entidades investidoras da BF ClimaTech ou coas organizacións que conforman o Consello de Entidades.

COMPARTIR