A Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) lidera ADoS – Advanced Dolly System, o único proxecto liderado desde Galicia xunto con Aragón, Andalucía, Madrid e Navarra seleccionado dentro da nova Liña 4 da convocatoria AEI 2025 do Ministerio de Industria e Turismo, destinada ao impulso de compoñentes innovadores para un novo ecosistema de mobilidade.
O proxecto reúne un amplo consorcio multisectorial e multirrexional, no que participan os clústeres ALIA e ONTECH, xunto coas empresas Nagual Technologies, Carrocerías Hermanos Rega, Educatrafic, CEL, Merasys, Nexio Ingeniería e NAITEC (Centro Tecnolóxico de Mobilidade e Mecatrónica), coa colaboración de Viratec. O obxectivo é desenvolver o primeiro dolly intelixente direccional para camións euromodulares, vehículos de ata 32 metros, capaz de mellorar drasticamente a súa maniobrabilidade, especialmente en marcha atrás, unha manobra practicamente imposible coas configuracións actuais.